top of page

Breves apuntamentos sobre a miña admiración política cara o poemario Alta Escuela Musical 
de Adrián Viéitez

Víctor Soho

Gustaríame defender brevemente a miña postura sobre o libro de Adrián, que considero un poemario politicamente moi emocionante e sinto que non foi tan discutido nestes termos. Primeiro, en comparación ó seu anterior libro; segundo, sobre unha serie de tensións sobre as que se formaliza o libro.

Sinto que é habitual, dentro de certa rama de poemarios dos últimos anos, tratar o tema de cultura de masas como un exercicio de tradicións literarias, a través de conexións formais ou temáticas, de vocabulario e referentes, é dicir, case como formas de imitación levemente alteradas do que implica o “Pop”. Alta Escuela Musical podería asemellar iso de entrada, mais non considero que sexa o caso, xa que, sobre todo, o poemario constrúese sobre a análise dos distintos circuítos e formas de distribución do mercado da arte. É, polo tanto, non unha análise cultural en termos herméticos (do “arte pola arte”), senón unha análise política que se constrúe sobre as propias dinámicas económico-políticas da tradición artística do “Pop”. Non establece un pensamento sobre que papel toma a arte dentro da propia arte, senón que papel toma a arte dentro da nosa cultura.

Sinto que Tratado sobre tu nombre (2021), o anterior libro de Adrián, é un libro máis sobre o primeiro: un estudo da tradición pop. Non tradicional no sentido de conservador, máis ben na repetición de características comúns ó longo de varies artistas. Nese sentido, Alta Escuela Musical, na miña consideración, deixa de ser sobre esa tradición para comezar a selo sobre o papel que ese tradición ten no noso mundo. Se considero que é unha obra políticamente máis minuciosa é en parte por iso, porque deixar de ir sobre as formas estéticas de parte da nosa cultura para comezar a selo sobre as relacións que marcamos con esas formas culturais (en particular, considero, a forma na que o capital se reproduce a través das formas de produción e distribución da arte). Rosa Berbel, na contraportada do libro, cita a Umberco Eco e, aínda que sexa por outros motivos, guía moi ben cara o que é a principal tensión do libro: a diferenza entre alta cultura e cultura de masas (que Eco problematiza de forma interesante no seu libro de Apocalípticos e Integrados). Vin a moita xente estes anos entrar nun debate sobre cal destas correntes era a popular, entendendo popular como termo político, é dicir, un debate sobre cal destas ten maior capacidade de emancipación popular. Para min é un falso debate, en tanto que ambas categorías son intrínsecas ó sistema capitalista. Esa división nace para definir dous circuítos de mercado da arte, non para transformar a forma na que entendemos arte e mercado. Definir é, case sempre e aquí cumpre a norma, un verbo reacionario; transformar vólvese a única acción verdadeiramente política. A solución, considero, non é tanto decidirse por unha, senón forma unha dialéctica entre ambas que, nesa loita ou contradición desas formas, poidan xerarse liñas de fuga dentro do capital. Se é político é xustamente, en parte, por non ser meramente descriptivo, senón ser transformador, neste caso, a través de distintos procesos de negación e dialéctica.

Ese paso do primeiro ó segundo poemario dáme pé ó seguinte tema: eses procesos de negación e dialéctica.

Ismael Ramos chamaba ó futuro “a diferenza entre o que queremos ser e o que somos”. Modificando un pouco as súas palabras, considero que o presente é “a diferenza entre o que queremos ser e o que podemos ser agora mesmo”. Unha tensión que é principalmente política é que atopa a súa raíz nas nosas contradicións. Sinto que, cando a meirande parte da xente di o de “todes temos contradicións” úsase como escusa cara os nosos actos, unha postura profundamente apolítica. Sinto que a única resposta revolucionariamente práctica tras aceptar as contradicións é construír dende e sobre elas, non aceptalas dende un esencialismo insalvable. Gretchen Felker-Martin, unha polémica autora de terror contemporánea, comentaba nun tuit como a construción de personaxes perfectos era unha tendencia históricamente fascista. Non ten razón, porque non considera un caso único: isto non é así cando as causas materiais-históricas son positivas para a revolución (por exemplo, a vangarda soviética ten moito de heroe perfecto como elemento emancipador, mais cando isto sucede no paso ó realismo socialista, é dicir, xa non é revolucionario, este tipo de representación de heroes perfectos pasa ser un xesto reaccionario e conservador). Nós non estamos nese punto histórico, vivimos incapaces de atopar paz nunha coherencia política, polo que a única forma de facer arte política no capitalismo é mediante tensións, contradicións e problematizacións da propia natureza da obra en si e da propia figura do artista (algo que está dende os discos de Kendrick Lamar ata os libros de Sally Rooney). A perfección moral e a suposta coherencia política, considéroa unha tendencia idealista e, polo tanto, non-materialista. No libro, de feito, aparece a seguinte frase: “yo me digo materialista, me contradigo en mis actos”, tamén considero esencial para este asunto o poema sobre a dentadura de Clark Kent, un retrato da parte máis humana do súperheroe máis idealizado de todos (no mundo do cómic é habitual comentar que Batman é o heroe máis fascista de todos, pola razón que acabo de explicar, eu considero que é Superman). Comentáballe a Adrián como, nunha entrevista que dera, había especial sinceridade cara falar de actos seus que considera problemáticos. Sinto que este libro nace deses procesos de problematización: admiración da cultura de masas / crítica ó sistema capitalista que as conforma; tamén admiración ocasional cara autores de alta cultura / criticando o uso que se lle da como capital social e forma de lexitimación nalgúns circuítos. Resúltame emocionante este tipo de obras, que no seu esforzo por existir parece que se destrúen a sí mesmas a cada paso.

Un breve apunte sobre o estilo literario do libro, a raíz destas tensións. Chámame moito a atención como algúns destes poemas poden verse moi influídos polo que se chamou, a inicios da década pasada, Alt-Lit, mais eses poemas acostumaban a estar escritos de forma menos coidada, máis directa e infantil, sucio e lixeiro. Considero que Adrián non queda neste punto, ten un estilo máis elaborado, máis ambiciosos en termos estilísticos, mais que acaban xuntándose con certos tópicos da Alt-Lit. Ademais de ser positivo, en tanto que non hai unha obsesión por imitar un estilo xa desfasado, fai que o propio estilo en si sexa unha contradición. Incluso creo que hai unha tensión entre globalización e localización no seu vocabulario ou a tensión que se produce entre o ensaio e a poesía á forma de construír os textos. Recolle ó impulso xuvenil e popular, mais logo constrúe a súa contra, de forma contraintuitiva ó que soe ser a herdanza desta tradición.

Quero citar de novo a Sally Rooney e determe nela. Sinto especial admiración polas persoas que logran ser politicamente practicas e reveladoras, ó mesmo tempo que logran triunfar en circuítos comerciais. Resúltame emocionante pensar que unha muller irlandesa e marxista sexa unha das grandes autoras de best-sellers do momento (penso moito niso cando estou falto de esperanza). Sorprendíame ver a amigas nada interesadas na política lendo a Rooney, persoas puramente interesadas no romance dos seus libros. Sinto que foi capitalizada por parte destas interpretacións da súa obra, mais tamén penso na importancia de, moitas veces, deixar que a política exista de forma subterránea, non obsesiva, perceptible para quen a queira ver, permeable de forma inconsciente para quen estea lendo o texto noutros termos (sobre todo, pensando en todes es adolescentes que a están a ler, nun proceso clave onde as obras coas que se obsesionen son as que están moldeando a súa educación cultural e sentimental). Ata as persoas que só vían as súas novelas como preciosas historias de amor, inevitablemente víanse nutridas dunha posición política moi concreta respecto ó mundo. Se considero que a última novela de Rooney non funcionou tan ben é porque esa parte política xa resulta evidente e, polo tanto, non deixa espazo para facer estas lecturas simplificadas, sen dicilo de forma pexorativa. Considero que Adrián é capaz de moverse nese ton: o suficientemente popular e recuperando formas concretas da cultura de masas para resultar agradable e bonito, moi emotivo en termos emocionais respecto ó romance, mais o suficientemente intelixente para deixar clara a súa visión política das cousas. Que Sally Rooney non sexa tan lida nestes termos paréceme un problema habitual da crítica cultura, pensar política só en termos da política subraiada, non na silenciosa e constante forma que ten o capital de reproducirse en todos os ámbitos da vida diaria.

A última tensión principal do libro da que quero falar é a relación entre o íntimo e o comunitario, sobre todo entendendo o íntimo dende a parella. (Non quero insistir moito sobre por que non considero comunitaria nin a parella, nin a familia. Non vou profundizar niso, de momento imos dalo por feito.) Refírome, por exemplo, a cando as parellas do libros comentando a outra xente (coñecides ou autories mítiques) ou habitando un espazo onde claramente non están soes. Hai como unha forma de crear intimidade entre multitudes, en nunca deixar que o espazo privado da parella sexa ten hermético como para non ser permeable ós sucesos exteriores, como cando Kanye West di o de: “Estou falando pola tele como se só fóramos ti e máis eu”, nunha capacidade asombrosa de manter a intimidade incluso na caza dos paparazzi. É obvio que Adrián non ten o ego de Kanye, polo que poderíamos traducilo a “Estamos falando pola tele como se só fóramos ti e máis eu”, incluso poderíamos dicir “Estamos falando pola tele, sobre a propia tele, como se só fóramos ti e máis eu”. Dalgunha maneira, pénsoa nunha liña semellante a O imperio dos sensos (Nagisa Oshima, 1976), a longa sobre a relación sadomaquista entre o propietario dun hotel e unha traballadora sexual. Illados no medio do bosque, sen contacto exterior, ata que nun momento a protagonista sae ver un paseo militar e os momentos previos ó comezo dunha guerra. Salvo que a obra de Adrián non é nin tan obsesiva, nin tan enfermiza, nin moito menos. Dalgunha maneira ambos entornan relacións entre parella-política en relacións co entorno político, sendo consciente das dinámicas sociais onde este amor sucede.. A relación entre o amor de dúas persoas no mundo, non fóra del. Resúltame interesante ler ambas obras de forma comparativa, porque sinto que unha confórmase dende unha sinceridade perversa e outra dende unha ironía tenra. Na primeira tracklist di o de “Por la noche los jóvenes tratan, a menudo sin éxito, de encontrar el amor. Piensan que es complicado reconciliarlo con un posicionamento más o menos riguroso ante la realidad material de sus vidas”. E aquí o amor vólvese outra forma de análise política (de como entendemos as relacións afectivo-románticas). Volvendo a descrición sobre do inicio sobre o presente: loitamos entre o amor que queremos ter e o amor que podemos ter agora mesmo.

Teño un colega da escola de cinema que comentou con ironía, ó redor dunha longametraxe da que agora non me lembro, que “non estaba mal, mais non propoñía novas formas de habitar o mundo”. No momento pareceume que meu amigo era moi esaxerado, mais si que me quedei con esa frase. “Propoñer novas formas de habitar o mundo”. Parece un traballo imposible facer iso, mais se por algo merece a pena ter ambición é por proxectos como eses. Lembreime dela porque Adrián escribe na segunda tracklist: “aprenden una nueva forma de estar en el mundo”. Non creo que o poemario chegue a “propoñer” unha nova forma de estar no mundo, insisto que isto asemella unha empresa imposible, mais si creo que logra ser unha boa ferramenta sobre a que pensar de que forma queremos habitar o mundo e, máis concretamente, de que forma queremos habitar á cultura e o amor. 

bottom of page