
O chisme coma testemuña
- unha sinatura postmoderna
Irit Rogoff suxire formas de mirar cara outro lado
Parte 1
A miña amiga Abigail está moi preocupada por min. Pregúntase por qué continúo asistindo a conferencias con papers con temas como a irritación, a vergoña, a ambición, e agora ultimamente, o chisme. A ela preocúpalle que gañe a reputación de alguén cuxo traballo é dalgunha maneira non moi respectable, que escribe sobre temas que ninguén toma moi en serio; que me converterei noutra variante de dotty woman, unha muller excéntrica, coma Bella Abzug cos seus sombreiros.
Ante a preocupación de Abigail, intento pensar no que estou facendo. Isto, como todxs sabemos demasiado ben, é en realidade moi difícil e confuso. Inicialmente pensei que o necesario era coller todas esas marxinais e nada respectables emocións e actividades e teorizar sobre elas. Mentres se manteñan fora da actividade teórica e mentres non sexan criticamente activadas e mobilizadas, mantéñense nunha forma esencializada, “fraxilidades humanas” feminizadas. Teño a idea de que dalgunha maneira todas estas (fraxilidades) veñen xuntas dunha forma alternativa, feminista, sexual; historia do Modernismo. Unha historia alternativa na que o concepto de Modernismo non se desfaga necesariamente por un heroísmo de xénero feminino senón por un conxunto de pequenas accións e recepcións que teñan lugar nos marxes; nos praceres das conversacións, nos conflitos da domesticidade, na agonía do rexeitamento e do amor frustrado, na difusión de chismes, en tódolos momentos baixos que seguen invariablemente aos momentos álxidos. Tódolos momentos e tódalas emocións que conforman o tecido do Modernismo coa mesma seguridade ca o gran drama do “nacemento do cubismo”. Estamos tan condicionados por estes valores xerárquicos do que constitúe un esforzo cultural serio, que ben optamos por estas narrativas a pequena escala nos grandes esquemas da actividade heroica ou permitimos que se despracen nunha especie de mundo interior domesticado.
Pero se unha quere traballar teoricamente coma feminista, unha das tarefas ás que se debe enfrontar é a de meterse nesta teoría, é dicir, meterse con esta conciencia crítica que sempre languideceu fora da teoría, que foi desautorizada por moi boas razóns. O mesmo acto de recoñecer esta lexitimidade comeza a desfacer as elevadas categorías nas que traballamos. No comezo de A orde das cousas, de Michael Foucault, este cita o conto de Borges sobre a enciclopedia chinesa e as súas estrañas categorías. Despois de enumerales, Foucault di:
No abraio desta taxonomía, o que aprendemos nun gran salto, no que por medio desta fábula demóstrase como o encanto exótico doutro sistema de pensamento son as limitacións do noso, a imposibilidade descarnada de pensar (a cursiva é miña)
Para min este é o sentido da actividade teórica, localizar o que está fora dos marcos teóricos, entender por qué se sitúa fora dos paradigmas e activar esta condición de exilio como forma de movilización crítica e política. A política da actividade crítica e teórica aborda as exclusións de xénero e de raza que se producen na elección do que é o suficientemente importante para ser teorizado. A importancia desta actividade non pasa necesariamente polo establecemento dun conxunto de valores culturais alternativos, senon en facer extrañas e transparentes as propias decisións e por referencia intentar averiguar qué exclúen e o que non coñecemos.
Esta é unha das miñas razóns para a elección dos temas que trato. A outra é a necesidade que moitos senten de integrar o estudo da cultura popular e de masas co estudo da cultura privilexiada. Unha das formas de facelo é integrar nun solo estudo imaxes das culturas populares e de masas e reclamar para ambas o inmenso poder de constitución de identidades. Outra forma, na que estou interesada neste momento, é retomar os temas coma o chisme, a queixa ou a espectoriedade e utilizalos como modelo para examinar certas narrativas da cultura visual. Parte do atractivo de intentar traballar desde modo é que o uso dun termo común como ferramenta de investigación funciona para desfacer as divisións entre o alto e o baixo, o materialmente presente e o mediado electronicamente; e así poñelas nunha especie de proximidade.
Sen autor, sen pista e sen fixar no tempo histórico, o chisme pode ofrecer un problema de fe na representación histórica e política. O chisme dentro das traxectorias da evidencia histórica exemplifica a “Lei do xénero” de Derrida no sentido de que representa “...un principio de contaminación, de exceso, unha lei de participación sen pertenza”. No ámbito do “estudo científico” o chisme é deostado en relación cos feitos empíricos e verificables. Non xurde das estruturas de coñecemento que conectas as nocións de verdade coas probas empíricas e verificables e coa obriga moral do investigador científico de asumir a responsabilidade persoal dunha verdade. “Non sei, pero onte pola noite escoitei nunha cafetería que...” non encaixa para nada con eses conceptos de verdade e responsabilidade.
Ademais, o cotilleo como forma de actividade social ou cultural está relegado aos recunchos da feminidade ou da masculinidade feminizada e moralízase coma unha actividade reprobable. É interesante sinalar que os científicos sociais (sociólogos) que teorizan ou analizan o chisme baséanse principalmente en entrevistas con mulleres e con homes homosexuais. Hai un entendemento tácito de que “os homes de mundo”, os homes atarefados en facer mundo non murmuran nin son lerchas; que o chisme é para aqueles “que non teñen nada mellor que facer” e, por suposto, todxs sabemos quen son.
Así pois, o chisme parece levar unha carga múltiple. En termos foucaultianos sirve ao propósito, a través da diferenciación negativa, de constituír unha categoría de coñecemento respectable, un discurso trivial permitindo a aparición dun discurso serio, etc. En termos derridianos, o chisme permite a constitución dos límites formais do xénero e as narracións proscritas, excesiva e sen poder conterse. Todxs somos conscientes do misterioso poder e a mobilidade do chisme, xa que abre o seu camiño a través dos encantos subterráneos e non recoñecidos, e constitúe continuamente comunidades dentro do seu ámbito e os seus oíntes. Por último, en termos freudianos, un exame serio do chisme abre unha posibilidade para as interseccións das narrativas psíquicas coas narrativas históricas. Ao refutar a súa anterior teoría da sedución infantil e, con todo, permitindo que se manteña o dominio narrativo sobre o paciente, Freud recoñece que non é necesariamente importante o que ocurriu específicamente, ou incluso se a sedución da nena tivo lugar realmente; pola contra, o importante é a certeza dos suxeitos de que así foi, e a centralidade que esta crenza asume no relato do suxeito. En tanto ás dinámicas de recepción do chisme e o público, que é a miña preocupación aquí, o argumento de Freud abre a posibilidade de ler o chisme coma unha proxección por parte da audiencia de diferentes desexos sobre as narrativas da cultura.
-
No orixinal, nagging. Segundo o Cambridge Dictionary, “complaining or criticizing” (queixándose ou criticando) e “used to describe an unpleasant feeling that continues for a long period of time” (termo usado para describir unha emoción desagradable que continúa por un periodo longo de tempo). https://dictionary.cambridge.org/dictionary/english/nagging
-
No orixinal, dotty woman. Segundo o Cambridge Dictionary, “slightly strange or mentally ill” (lixeiramente estrano ou enfermo mental), é cando menos curioso o exemplo que propón: “a dotty old woman” (unha muller rara e vella / unha muller enferma mentalmente e vella) https://dictionary.cambridge.org/dictionary/english/dotty
Texto orixinal de Irit Rogoff. Tradución de Noa Costas.