
Entrevista a Mercedes Peón
-Xaneiro de 2020-
Breogán Xague: Chama moito a atención a sonoridade das túas letras. Penso, por exemplo, en cancións como Neniñué ou Ajrú. Que valor ten isto dentro da linguaxe da túa música?
Mercedes Peón: Penso na creación colectiva onde as frases teñen un significado máis contextual, onde non teñen por que ser suxeito, verbo e predicado. Penso na beleza ou na forza vistas dende un lugar non elitista nin intelectual, penso nas significacións poliédricas que dotan dun coñecemento máis profundo, rozándose co intuitivo.
Procuro sonoridades musicais coas palabras que non se reduzan a propostas estéticas. Penso no galego menos normativizado, na fala que aínda está vencellada ás súas orixes creativas, fala chea de melodías que foron inspirando a miña obra. Xogo con estas palabras transformadas en títulos, en estéticas compositivas, como un posicionamento político dende o micro ata o estético e suxestivo máis global.
B.X.: Gustaríame preguntarche polos temas que adoitas tocar nas túas cancións, en relación tamén á pregunta anterior. Penso que tratas ou trataches a importancia da lingua que se fala, o xénero ou a emigración nalgunha das túas canción. (Podo errar e se é así estarei encantado de correxir.) Como cres que se relaciona este contido coa identidad cultural galega que se escoita na túa música? Por suposto, penso que non estas pechada a ninguna letra e encantaríame que engadiras calquera información que consideres.
M.P.: Pregúntasme pola lingua que se fala, é unha pregunta moi linda e complexa. Hai linguas que se falan porque se crearon colectivamente, e logo hai linguas dos estados-nación. Coas falas de creación colectiva (todas elas e en concreto a nosa totalmente minorizada, extensible a calquera fala violentada gubernamentalmente) o que hai que facer é usalas. Esta lingua, a galega, agasállame (alén da súa beleza e musicalidade) cunha periferia que me permite chegar a lugares que con linguas hexemónicas ,e polo tanto manidas, sería imposible.
Pregúntasme tamén polo xénero, esa identificación moderna con respecto ás persoas. Uso o feminino como xenérico. Xeneralizo e omito novamente para crear tensión, esa tensión interésame moito como acto político e como busqueda de novas formas. A tensión como lugar estético, sen prexuizos. Latexando novamente algo non explícito, meditado para crear materiais que forman as composicións. Poderiamos dicir que comeza todo por tomas de conciencia e que, xa pasado o tempo e instalada aí, o meu mundo xira ao redor destes materiais. Mais no transo da improvisación que precede ás composicións non son o tema central.
A miña intención é ser o máis individual posible, usando as peculiaridades que mesturadas comigo dun xeito sistémico dan unha compositora do século XXI. Mutante, pero coa marabilla de ter anclaxes, certezas, visións agasalladas por unha comunidade. Sabendo igualmente que son acordos de vida, pero que gozan da verificación das persoas que nos antecederon e non dos aparatos de verificación modernos (nin a clínica nin os medios de comunicación)
Agora entremos na cuestión que se plantexa. Como se relaciona o que fago coa identidade cultural galega. Sabemos que identidade é a circunstancia de ser unha persoa ou cousa en concreto e non outra, determinada por un conxunto de rasgos ou características que a diferencian doutras. Temos pandeiretas, composicións de estructuras de melodías moi influenciadas pola miña formación polas aldeas e sobre todo os ternarios. Son unha compositora pandeireteira, ese é o instrumeto transgredido para ter certa maestría musical. Se alguén quere saber de onde son, incluso co meu último disco tan conceptual e electrónico, podería identificarme xeográficamente, sen dúbida. Calquera persoa nacida en Galicia poderíame identificar claramente tamén. Alén de ser premio nacional de música na miña terra, sei claramente que as persoas das aldeas adoptáronme como unha artista delas. Eu estou agasalladílisima por esas persoas que gardaron a fala e os nosos costumes, aínda facendo eu música contemporánea perténzolles e estou moi agradecida por elo.
Por outra banda, gustaríame falarvos das experiencias de identificación con persoas de todo o mundo. Hai unhas conexións moi fortes con persoas de Marrocos, Polonia, Francia, Italia ou Nova Zelanda entre outros. Estou certa de que iso é o tres, os ternarios fluindo polas nosas veas e polas creacións colectivas de todos os lugares do mundo.
B.X.: Podes falarnos do teu proceso de produción e de tódolos factores que entran neste?
M.P.: As relacións en comunidade, a catarse colectiva ou o posicionamento individual como ser político entran dentro de calquera dos meus procesos. Enfados plasmados en música e arranxos. Arranxos fuxindo da construcción de música celta, na procura de producións sonoras que non eliminen o máis identitario e sanador: a pandeireta e as ferreñas. Ferreñas que sempre se queren disimular nos discos e que se as deixas son as raiñas rítmicas en calquera contexto no que participen. Asimilo as ferreñas coas mulleres músicas de transmisión oral, compositoras donas dos seráns.
B.X.: En circuitos máis internacionais, como vives a cultura galega como cultura minorizada? Refírome a como se distribue unha cultura que non é hexemónica por espazos nos que igual non teñen cosciencia da súa situación.
M.P.: A cultura galega vívoa como cultura minorizada en Galicia. É en Galicia, e en España en segundo lugar, onde se minoriza, afogándoa e afastándoa de todos os eidos formais e non formais. Existe tal laxitude no curriculum académico con respecto ao galego que mesmo a UNESCO vén de recriminar ao governo galego por este feito.
Mais entremos no que é un circuito de venda de música ou calquera producto artístico, cos imaxinarios e fantasías que son aceptadas polos contextos políticos.
A miña música prográmase tanto en macro festivais como en circuitos máis contemporáneos e de menos aforo. Teño unha sorte enorme, levo tocando dende hai 20 anos e vivindo só da miña música. A maioría das veces non saben de onde son. Normalmente din unha artista española. En España son unha artista galega, en Galicia son unha artista internacional. Quero decirvos con isto que non se reflexiona, ou eu non comunico explícitamente, sobre o que acontece tras os meus proxectos artístico-musicais porque seguramente penso no astracto. Hai unha comunicación que traballa a outros niveis e tamén penso que o interesante é deixar que a música colla o seu camiño de por ela.
A distribución dende o primeiro disco foi peculiar. A discográfica Resistencia colocou o disco nas plataformas internacionais e alcanzou o número 1 en varias revistas e plataformas de referencia. Eu non sabía que existían, para mín foi totalmente sorprendente pero tampouco lle din moito valor no seu momento. A día de hoxe escoitaseme en polo menos 25 paises que eu saiba.
No 2001 creei unha pequena empresa. Buscabamos axentes locais para a distribución da música en directo. A filosofía era atopar xente que distribuira en exclusividade nos territorios que dominaban. O primeiro ano tiña representantes en Francia, Italia, Portugal e Cataluña, relacións coas axencias galegas para distribución interna e internacional e nós mesmas para todo o internacional ou nacional que non tivera representación en exclusiva.
Así fun saltándome as grandes axencias de distribución e creando unha rede internacional.
B.X.: Ó longo da túa vida na música é moi interesante ver como te moves entre circuitos. Como un día podes tocar no Luar e outro nun festival de música internacional na outra punta de Europa. Non renunciar a ningún destos espazos e poder abrirte a públicos tan dispares é unha das cousas que máis interesantes me resultan de ti. Penso que revaloriza moito a túa música. Cal é a túa opinión? Poderías falarnos máis deste proceso?
M.P.: O Luar é un programa no que eu fun axente activo de difusión da creación colectiva en pequenos micro hábitats (aldeas). Levaba pobos enteiros a cantar e bailar. Paseime 20 anos polas aldeas facendo recollidas de campo e sobre todo relacionándome e amando profundamente as nosas xentes, levándoas con todo o agarimo e coidado do mundo para que pasaran unha experiencia marabillosa. Isto foi uns dos puntos de inflexión que tivo o noso imaxinario, xa que o aparato de verificación máis potente do momento verificaba que ese apartado, que eu levaba, tiña a máxima (55%) de audiencia. Polo tanto, o que se estaba emitindo tiña un valor incalculable. A xente das aldeas, elas e eles recoñeceron en min esa rapariga que os trataba con verdadeiro amor, admiración e recoñecemento artístico (alén do cultural por suposto).
Eu son un personaxe público para esas persoas que gardaron os nosos costumes coa naturalidade de vivir en harmonía cunha parte moi grade de fora do sistema capitalista. Con isto quero decir que fan foliadas e seráns sen que entren polo medio os cartos, teñen o senso dunha linguaxe común coa que relacionarse. Imaxínense que marabilla poder cantar ou tocar, ou amosarlles as miñas composicións? Aquela rapariga que viron tocar a pandeireta ou cantar a capela un cantar de bois? Eso é unha verdadeira regalía, e sorprenderíanse coas reaccións ou analises que teño recibido, moitos deles bastante máis interesantes que os dun xornalista especializado.